Larache (en bérber: Lleɛrayec, en árabe: العرايش) é unha cidade portuaria localizada no noroeste de Marrocos. É capital da provincia homónima. Situada na rexión Tánxer-Tetuán, dista uns 85 quilómetros de Tánxer e 105 de Tetuán. Atópase situada no litoral atlántico, na marxe esquerda do estuario do río Lucus.
Ten unha poboación de 125 008 habitantes.[1] Nas súas inmediacións (na beira esquerda do estuario do Lucus) atópanse as ruínas de Lixus, un asentamento fenicio e posteriormente cartaxinés que se converteu máis tarde en colonia romana e parte da provincia romana de Mauritania Tinxitana.
Larache ten un clima mediterráneo con abundantes choivas. Os veráns son moderadamente cálidos e soleados, e os invernos húmidos e fríos. A cidade ten de media entre 700 e 800 milímetros de choiva ao ano. En canto ás temperaturas, entre 6°C e 10°C no inverno, e entre 27°C e 35°C no verán.