Mayotte foi cedida a Francia xunto co resto das Comores no ano 1843. Foi a única illa do arquipélago que votou en referendo por manter os seus vínculos con Francia (en 1974 e novamente en 1976, co 63,8% e 99,4% respectivamente). As Comores continúan reclamando a illa e unha resolución do Consello de Seguridade da ONU de 1976 foi apoiada por 11 dos 15 membros pero vetada por Francia, tentaba recoñecer a soberanía das Comores sobre Mayotte (volveuse presentar o mesmo caso en 2004).
A situación de Mayotte foi difícil para Francia: mentres a maioría da poboación local non desexa a independencia ou a unión co resto das Comores, a crítica internacional é forte respecto dos lazos existentes entre Mayotte e Francia. Máis aínda, a peculiar forma de administración local de Mayotte, baseada en gran parte na Lei Islámica, sería moi difícil de integrar nas estruturas legais de Francia, sen mencionar os custos de levar os estándares de vida a niveis próximos aos da Francia metropolitana. Por estas razóns, ata 2007, as leis promulgadas polo parlamento nacional debían especificar claramente se se aplicaban en Mayotte. Con todo, agora aplícanse directamente, salvo para algunhas materias.
A illa principal, Mayotte (ou Grande Terre), é a máis antiga en termos xeolóxicos do arquipélago das Comores. Ten 39km de longo por 22km de ancho e os seus puntos máis altos están entre os 500 e 600 metros sobre o nivel do mar. Debido á súa natureza volcánica, o chan é moi rico nalgunhas zonas. O arrecife de coral que rodea gran parte da illa asegura a protección dos barcos e é un excelente hábitat para diversas clases de peixes.
Mamoudzou foi a capital das Comores ata 1962, e agora é o centro administrativo de Mayotte. Dzaoudzi é a segunda cidade de Mayotte, atópase situada na Illa Pamanzi (ou Petite Terre), a cal ten 10km², sendo a máis grande de varios illotes que rodean a Grande Terre. Unha ponte comunica a Pamanzi con Mayotte.
Mayotte ten un conglomerado de distintas culturas; a principal, de orixe comoriana, representa o 60% da poboación e a segunda é de orixe malgaxe; ambas as dúas están fortemente influenciadas pola cultura francesa, que se impregna cada vez máis nelas. A moringue, análoga á capoeira brasileira, aínda se practica na illa.
Aínda que o francés é a lingua oficial, moitos falan e escriben o shimaore e o malgaxe, os dous idiomas principais da illa.
A disparidade enorme entre as condicións económicas desta illa e as outras situadas no arquipélago a menos de 70km, débese aos subsidios económicos que chegan da metrópole. Como consecuencia Mayotte atrae decenas de miles de inmigrantes que chegan cada ano en fráxiles embarcacións. Esta illa posúe a maior taxa de fertilidade de Francia cuns 7.000 nacementos anuais, o 75% destes de inmigrantes ilegais.